galego
castellano
BIOGRAFÍA DE SAN XOSÉ DE CALASANZ

Xosé Calasanz naceu no ano 1557 en Peralta de la Sal, unha poboación española de fala catalá situada na comunidade de Aragón, nas proximidades de Catalunya. Foi o sétimo e último fillo dunha familia de infanzóns, é dicir, de membros da baixa nobreza aragonesa. Seu pai tiña unha ferraría e chegou a ser alcalde de Peralta. Ata os once anos, estudou o primeiro ensino no seu pobo e despois trasladouse a Estadilla, onde proseguiu estudos de Humanidades. En 1571 trasládase á cercana cidade de Lleida, onde se atopaba a universidade máis prestixiosa da antiga coroa de Aragón. A ela acudían alumnos procedentes de Catalunya, Aragón e Valencia, as tres grandes comunidades que se integraban na coroa aragonesa. Eses alumnos, seguindo os costumes medievais, agrupábanse por "nacións". Calasanz foi elixido prior dos aragoneses. Era unha primeira manifestación do prestixio e da ascendencia moral que dimanaba da súa personalidade.



En Lleida, Xosé Calasanz estudou Filosofía e Dereito. Despois, seguiu cursos de Teoloxía nas universidades de Valencia, Alcalá de Henares e de novo en Lleida, onde obtivo o título de doutor. En 1583 foi ordenado sacerdote, iniciando así unha carreira eclesiástica que lle levou a exercer diversos cargos en terras catalás. Durante esa etapa da súa vida, pasou algúns anos en La Seu d'Urgell, poboación moi próxima á fronteira francesa, que daquela resultaba moi insegura e perigosa. De certo, Catalunya padecía naquel tempo graves problemas de bandoleirismo que se vían agravados nas zonas fronteirizas pola constante penetración de bandas de gascóns e de hugonotes que xurdían das desordes que imperaban no país veciño, producindo en territorio catalán toda clase de atropelos e extorsións.

 

A Xosé Calasanz tocoulle vivir a inseguridade e os perigos daqueles tempos acrecentados en La Seu d'Urgell pola falta de bispo, xa que a diócese permaneceu vacante durante algún tempo. A falta dunha autoridade forte, como a que exercían por aquel entón os bispos, alentaba toda clase de desmandos. O cargo de secretario do Capítulo catedralicio outorgaba a Calasanz grandes responsabilidades de goberno que quedaron reflectidas en dez cartas escritas ao Vicerrei de Catalunya, nas que lle pedía axuda urxente para resolver a angustiosa situación que se vivía naquela comarca, onde os bandoleiros roubaban, extorsionaban e asasinaban sen límites.
A súa vinculación coas terras de Lleida reforzouse co exercicio doutros cargos, como o de visitador de Tremp, poboación na que había un convento de dominicos que ensinaban a lectura e a escritura. Calasanz era daquela un home novo de gran estatura e de gran fortaleza física. Esas condicións naturais ían emparelladas coa gran forza moral, intelectual e espiritual da que daría proba durante toda a súa vida. Na tenacidade con que Calasanz realizou a súa gran obra pedagóxica hai efectivamente algo de hercúleo, xigantesco, que só un home das súas extraordinarias condicións podía soportar.


A preocupación polos pobres e os desfavorecidos xa se manifestou nos seus anos de xuventude en España, cando creou unha fundación en Claverol que todos os anos distribuía alimentos aos pobres daquela localidade. Esa fundación benéfica funcionou ata 1883, é dicir, case dous séculos e medio. A gran preocupación social que Calasanz amosaría despois na súa obra pedaxógica ten ese antecedente revelador en plena xuventude.

En 1592, cando o futuro pedagogo tiña 35 anos de idade, trasládase a Roma co desexo de facer carreira eclesiástica. Alí residiría a maior parte dos 56 anos que aínda lle quedaban de vida. Durante esa longa estancia, sen perder as súas raíces hispánicas,   converterase nun auténtico romano, plenamente identificado coa cidade e co país.

En 1597, conmovido pola pobreza e a degradación moral na que vivían numerosos nenos romanos, funda na igrexa de Santa Dorotea do Trastévere a primeira escola pública, popular e gratuita da idade moderna de Europa, a primeira Escola Pía.

 

 

En 1600 introduce a Escola Pía no interior de Roma, e pouco despois ten que facer ampliacións para poder acoller aos numerosos alumnos que chegaban de todas partes. En 1610 escribe o Documentum Princeps , no que expón os fundamentos da súa obra pedagóxica. Este documento vai acompañado dun regulamento para mestres e outro para alumnos. En 1612 traslada a escola a San Pantaleón, que se converterá na casa matriz das Escolas Pías. Ese mesmo ano, debido á crise interna que vive a obra e ás intrigas e tensións externas, Calasanz é apresado brevemente e interrogado pola Inquisición. Ao ano seguinte, o ancián pedagogo vese inmerso nunha loita de intereses políticos e de intrigas de personaxes ambiciosos que remata coa destitución do cargo de Xeneral da Orde que el fundara, caendo en desgraza e sendo substituído por un dos seus detractores. Durante os anos seguintes continúa a desgraza de Calasanz e a Congregación perde categoría, ata o punto de que a súa obra de tantos anos se ve en perigo.

En 1648, aínda en desgraza, morre Calasanz case aos 91anos de idade, e é enterrado en San Pantaleón. Oito anos despois da súa morte, o papa Alexandre VII rehabilita as Escolas Pías. En 1748, a Igrexa católica beatifica a Xosé Calasanz, que sería canonizado 19 anos máis tarde. Finalmente, o 13 de agosto de 1948 o papa Pío XII   proclámao patrón das Escolas Populares Cristiás do mundo. Actualmente, as Escolas Pías están estendidas por numerosos países de Europa, África, América e Asia.

JOSÉ CALASANZ (1557 - 1648).

Por Josep Doménech i Mira.
Artigo publicado en la revista Perspectivas da UNESCO.
Vol. XXVII, nº2, Xuño 1997. (Pp. 351-363)

 

 

 

COLEXIO CALASANZ PP:ESCOLAPIOS A CORUÑA